skip to Main Content
Educación creadora

Os Talleres de expresión que che ofrece Pinga están fundamentados nas condicións que Arno Stern estableceu para o Xogo de Pintar. El é o creador do termo Educación Creadora para designar un oficio, unha actitude, creando espazos seguros onde cada persoa puidese despregar toda a súa capacidade creadora.

Arno Stern (Kassel, Alemaña, 1924), de familia xudea foxe en 1933 da Alemaña nazi e, tras pasar grande parte da súa adolescencia nun campo de traballos forzados en Suíza, acepta o encargo de atender a nenos e nenas xudeus, orfos de guerra, nunha institución en 1946, iniciando así, sen sabelo, o traballo que o ocuparía para sempre.

Aos seus 22 anos, sen saber moi ben que facer para entretelos e sen ningunha formación ao respecto, decide poñer aos nenos e nenas a pintar e céntrase en ir cubrindo as necesidades materiais que van xurdindo e en atender as demandas dos participantes da mellor maneira posible, alleo a calquera teoría da época sobre o debuxo infantil e sen imaxinar a transcendencia do que estaba a facer.

Coa súa mirada inocente e atenta, vai observando o que naqueles papeis colgados das paredes acontece e comprende o papel primordial do xogo que se desprega ante os seus ollos. Decide entón crear o “Closlieu”: un espazo coas condicións óptimas para levar a cabo o Xogo de pintar, afastado dos conceptos e fórmulas da educación artística.

A FORMULACIÓN

Ao observar as producións que facían os nenos e nenas do orfanato, Arno vaise dando conta de que os trazos que nos papeis aparecen repítense, que representan as mesmas cousas nos centos de cadros que fan. Vai facendo un inventario de trazos e se pregunta se estes se darán noutras culturas e condicións de vida.

Así que, a mediados dos anos 60 Arno decide iniciar unha investigación por todo o mundo, visitando comunidades máis preservadas do contacto co mundo occidental en Guatemala, Mauritania, Perú, Afganistán, Etiopía, unha reserva india en Canadá, Níxer… onde recolle moitísimos debuxos nos que aparecen trazos, representacións de animais, obxectos… e observa que, independentemente da contorna, da experiencia vivida, da cultura… hai trazos que se repiten e son análogos aos que rexistrara e clasificara no seu taller.

Arno atopa así un código universal ao que denomina Formulación. Maniféstase dende que as crianzas comezan a producir trazos e evoluciona, de forma autónoma e estruturada, ao longo de toda a vida. Todas as persoas dispoñemos do mesmo repertorio de elementos e cadaquén utilízao segundo a súa necesidade.

En palabras de Arno: (1977) A formulación é un sistema estruturado e universal, pois cada persoa, independentemente da súa procedencia, xera os mesmos trazos. Isto débese a que a orixe da formulación non son as impresións nin as experiencias, senón que teñen a súa raíz na memoria orgánica e é a expresión das experiencias embrionarias. É peculiar por dúas razóns: a repetición e a simultaneidade de diversas formas de expresión.

Arno adicou a súa vida á investigación ao redor do trazo e segue en activo. Continúa no seu taller de París “Le Closlieu” e é o fundador do Instituto de Investigación en Semioloxía da Expresión.

CONDICIÓNS

Cando Arno crea o seu taller “Le Closlieu” establece as condicións para que se despregue o xogo de pintar:

  • Un grupo heteroxéneo, formado por persoas de todas as idades e de características diversas… a vida mesma! Sentirse diferente entre os diferentes facilita que non nos comparemos nin establezamos unha relación de competitividade. Favorece relacións dende o propio ser.
  • Equilibrio entre o persoal e o colectivo: atendendo ás nosas necesidades individuais ao abeiro dun grupo formado por persoas na mesma situación. Vivindo a liberdade de cada un ao carón da dos demais.
  • O xogo pode darse nun espazo onde non hai directrices, indicacións externas sobre o que debería ser nin suxestións sobre o como ou o que, cando non hai ben nin mal, bonito nin feo… O xogo entendido como unha necesidade, que emerxe nestas condicións á marxe do xuízo, modelos e exhibicións.
  • Arno designa coa palabra Asistenteo seu papel no taller, o seu oficio: A persoa que crea estas condicións que posibilitan os procesos individuais de xogo, aprendizaxe e investigación e que trata de identificar e atender ás demandas que vaian xurdindo en cada persoa, sen adiantarse, sen roubar descubrimentos.
Back To Top