skip to Main Content
Sobre min

Son Catuxa Cela Ferreiro. Nacín en Lugo, onde me criei, onde medrei e aquí continúo a miña vida. Mestra de educación infantil e licenciada en psicopedagoxía, ademais de nai dunha rapaza e un rapaz marabillosos.

Levo traballando no sistema escolar regrado 20 anos e ademais como “Asistente” nos Talleres de Expresión de Pinga. O taller de Pintura comezou a súa andaina en setembro do 2019 e o Taller de Xogo de configuración en xullo do 2020.

A miña experiencia persoal e profesional leváronme a estar en contacto directo con persoas de todas as idades e máis intensamente a acompañalas nos procesos de aprendizaxe nas primeiras idades (tanto en contextos escolares coma fóra deles). Tiven así a sorte de poder sentir, vivir e observar os seus xogos, os seus asombros, as súas necesidades, os seus procesos vitais, as formas nas que se achegaban á aprendizaxe… E foi espertando en min a necesidade de buscar outras miradas, outras formas de acompañar, outros espazos e posibilidades para o crecemento.

Nesta busca, entro en contacto con Diraya en Bilbo e empezo a formarme con Miguel Castro e Vega Martín a través dos que coñezo o traballo de Arno Stern, a súa investigación con respecto ao debuxo/trazo, e como eles a levan tamén á arxila e ao movemento.

Os principios da Educación Creadora e o cambio de mirada cara ós despregues e derivas persoais, producen un choque total coas miñas ideas relacionadas coa arte, a danza, a escola… quedando completamente removida inicialmente e con gana de profundar na teoría elaborada por Arno Stern e na maneira en que se pode trasladar aos procesos de vida das persoas ás que acompaño día día (na casa, na escola, nas relacións…).

Así continúo a miña formación en Educación Creadora, continúo coa reflexión sobre a miña propia práctica, sobre a miña propia aprendizaxe…, e asisto aos talleres como observadora e participante. Quedo fascinada do que dentro do taller acontece… e decido lanzarme á aventura de abrir un taller en Lugo, a miña cidade, onde poder asistir ás persoas no Xogo de pintar, dende outro lugar, con outra mirada.

Acollida incondicionalmente pola mirada atenta da persoa adulta, a persoa que xoga pode despregar toda a súa capacidade de aprendizaxe.

Por iso, no Taller o meu é un papel de asistencia,  tratando de identificar e coidar algunha das necesidades das persoas que pintan, que xogan:

  • Tratando de crear e manter, cunha mirada acolledora e sen adiantarme, as condicións nas que cada persoa pode dirixir e desenvolver o seu propio proceso de investigación, descubrimento e aprendizaxe.
  • Achego, preparo e coido os materiais necesarios para o xogo de pintar: a pintura, os pinceis, o papel, as chinchetas para colgalos na parede.
  • Atendo ás demandas de cada persoa: poñer pintura para unha mestura, mover unha chincheta, poñer un banco ou escaleira para maior comodidade, un coxín para descansar, engadir outro papel, quitar unha Pinga!
  • Gardo os cadros de cada unha das persoas no arquivo, pois estes non sairán do taller ou “lugar protexido”, como lle chamou Arno Stern, quedando así libres de miradas e as persoas protexidas de xuízos e opinións.
Back To Top