skip to Main Content
Xogo de configuración

“O xogo é a forma máis elevada da investigación.”

Albert Einstein

Tanto no verán como no inverno Pinga acolle a persoas de entre 4 a 12 anos, en grupos de 6 nenos e nenas, nun espazo no que imaxinar, construír, crear, viaxar a lugares afastados (ou non tanto), no que recrear o mundo ou crear outros novos aparentemente inaccesibles (o deserto, o espazo…).

Os nenos e nenas xogan todo o tempo configurando o seu entorno e a si mesmos, conectando cos seus intereses e necesidades. O que vos ofrezo en Pinga é un espazo de coidado, coa miña mirada atenta e acolledora, creando as condicións para o xogo:

  • Aquel que xorde das propias necesidades e da emoción.
  • No que sentirse libre para crear.
  • No que descubrir a outros/as cos que construírse socialmente, compartir e chegar a acordos.

O material para este taller é material non estruturado (cartóns, cinta adhesiva, pinzas, cordón, rotulador, imperdibles e teas) que permite que cada persoa o transforme e cree o que precisa para o seu xogo, sen propostas externas, sen modelos a seguir.

O papel da persoa adulta é de asistencia ao xogo:

  • Proporcionando os materiais (celo, pinzas, imperdibles…).
  • Atendendo ás necesidades concretas de cada persoa (atar, cortar, pegar, escoitar…) sen adiantarse , sen roubar descubrimentos.
  • Asistindo nos conflitos que xorden, dende a escoita e a aceptación.

Xogando prodúcense grandes conquistas emocionais, motrices, sociais, de autonomía… e a persoa que xoga, acollida incondicionalmente, pode despregar toda a súa capacidade de aprendizaxe.

Back To Top